A emocionante clausura da Superliga 2 Feminina trouxo grandes alegrías para os equipos galegos. O Emevé Élide, tras certificar o ascenso na xornada anterior, proclamábase o pasado sábado campión de liga, despois dun axustadísimo pulso polo título co CV Torrelavega nas últimas xornadas. Lucenses e cántabras finalizaron a competición empatadas a puntos e con triunfo sobre ás súas rivais, pero tras o 3-2 asinado en Xixón, unha vitoria separaba ao Emevé das súas competidoras, acadando o título da presente campaña.
Mentres, no pavillón de Teis vivíanse tamén momentos de gran ledicia. Tras superar ao VP Madrid no quinto set, o Xuvenil de Teis confirmaba a súa permanencia na categoría de prata e pechaba a tempada ofrecendo unha importantísima vitoria á súa afición.
Non puido pechar con triunfo a liga o Fisiomás Zalaeta, que cedeu ante un gran CV Torrelavega, pero as coruñesas rematan nunha meritoria cuarta posición, tras realizar unha gran campaña na Superliga 2 Feminina.
E no apartado masculino, os nosos representantes na máxima categoría conclúen a súa participación con resultados desiguais. O Emevé Élide pecha a tempada con boas sensacións, tras superar ao CV Andorra no quinto set, e finaliza en oitava posición a súa tempada debut en Supeliga 1.
Pola outra banda, o CV Vigo remata a liga na derradeira posición, cedendo na xornada de clausura en tres parciais ante un dos grandes da competición, o Ushuaia Ibiza Voley, que xogará a partir do vindeiro fin de semana os play off polo título nacional.
Ler a crónica completa
Crónica Autonómica
O Galitrans proclamouse campión por segundo ano consecutivo
Foto cedida polo clube
O Galitrans Viajes Embajador UDC revalida o título da Segunda División
Galitrans Viajes Embajador UDC e Club Vigo Voleibol son os novos campións da Segunda División Autonómica.
Os vigueses dominaron a competición masculina manténdose invictos e acadando así o título semanas atrás, mentres que nunha igualada competición feminina, o Galitrans Viajes Embajador tivo que agardar ata a derradeira xornada para facerse co cetro autonómico.
Este é o segundo título consecutivo para o equipo universitario, que se proclamaba campión tras superar ao XAV Cambados en tres parciais na xornada de clausura.
Ata o último momento, pelexaron tamén polo campionato Calasancias Coruña e CV Zalaeta, que tras quedar sen opcións o sábado coa vitoria do Galitrans, protagonizaron un emocionante derbi o domingo, en puxa pola segunda praza que da dereito a participar xunto ao líder na Fase de Ascenso a Primeira División Nacional. Deste pulso saiu vencedor o Calasancias Coruña, que tivo que repoñerse no tie break tras a espectacular remontada das locais cun 0-2 en contra.
Ademáis da cabeza da táboa, tamén quedaban por configurar na xornada final os postos de descenso. Ao Dompa Gestión, xa matemáticamente colista antes da derrota ante o Emevé (sexto), acompañarao o CV Bruxas na Fase de Promoción. As santiaguesas caeron por 3 sets a 1 ante o Xuvenil de Teis B nun duelo directo pola permanencia.
Na categoría masculina, xa decididos o campión de liga, o Club Vigo Voleibol, e o subcampión, o Fisioterapia Cinesia Noia, quedaba por definir a terceira praza, en disputa entre Intasa San Sadurniño B e Emevé Élide B. Finalmente son os ferroláns os que pechan o cadro de honra, tras vencer aos de Lugo en tres sets.
Ler a crónica completa
Categorías de Base
Cartel oficial do torneo
Foto cedida polo clube
Campionato Galego Xuvenil Feminino en A Coruña
O vindeiro sábado 5 de abril terá lugar o Campionato Galego Xuvenil Feminino en A Coruña. Os catro mellores equipos da liga regular pelexarán polo cetro autonómico nas instalacións herculinas do Sagrada Familia e o pavillón San Francisco Javier.
O torneo, organizado polo CV Zalaeta, arrincará ás 11.00 horas da mañá do sábado, cando comezarán as dúas semifinais no pavillón da Sagrada Familia. O Emevé Élide enfrentarase ao Caldaria Voleyourense e o CV Zalaeta ao Xuvenil de Teis. Os gañadores xogarán a gran final a partir das 18.30 horas.
Ler a noticia completa
O Club Vigo é o vixente campión galego
Campionato Galego Xuvenil Masculino en Lugo
O vindeiro
domingo 6 de abril decidirase o campión galego da tempada 13/14 na categoría Xuvenil Masculina.
Lugo acollerá a Fase Final no Pavillón Municipal Casa do Deporte, no que os catro primeiros clasificados da liga regular (
Club Vigo Voleibol, Emevé Élide, Jealsa Boiro e Voleibol Dumbría), pelexarán polo cetro autonómico.
Ler a noticia completa
O Dompa pelexará polo ascenso a Liga Galega
Foto cedida polo clube
O Dompa Gestión, gañador da Fase Final Interzonal Xuvenil
O pasado sábado 29 de marzo celebrouse en Pontevedra a Fase Final Interzonal Xuvenil Feminina, da que saíron os nomes dos dous equipos que xogarán a Fase de Promoción á Liga Galega. O Dompa Gestión resultou vencedor desta eliminatoria e xunto ao outro finalista, o tamén ourensán Concepción Arenal, pelexará por unha praza na principal liga autonómica xuvenil o vindeiro 26 de abril.
Ler a noticia completa
Cartel oficial do torneo
Fase Final Interzonal Cadete en Carballo
O vindeiro fin de semana celébrase en Carballo a Fase Final Interzonal Cadete Feminina. Na xornada do domingo 6 de abril, os catro equipos clasificados nos cruces interzonais disputados nas últimas semanas, competirán no Pavillón Municipal Carballo Calero, polas dúas prazas en disputa para participar na Fase de Promoción á principal liga autonómica.
Ler a noticia completa
Xogador@s
Mario Dovale
Foto cedida polo CV Emevé
Mario Dovale, convocado coa Selección Nacional Junior
O seleccionador nacional junior masculino, Ricardo Maldonado deu a coñecer a finais do mes de marzo, a lista de dezaoito xogadores convocados para preparar os próximos compromisos do equipo nacional da categoría. Entre os convocados está o galego Mario Dovale, formado na canteira do Emevé de Lugo. Dovale e Víctor Rodríguez, que acaba de formalizar co equipo lucense, son os únicos xogadores cadetes chamados a competir por participar no Preeuropeo Junior.
Ler a noticia completa